Goberno local e comerciantes asinan un convenio para mitigar a crise
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, e a presidenta da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Ponte Caldelas (COEMPO), Gloria Suárez Rodríguez, asinaron un convenio mediante o cal o Concello destina unha subvención de carácter nominativo a esta entidade para a organización da Feira de Oportunidades e a promoción turística e do comercio local, enmarcada dentro das accións de desenvolvemento económico do municipio.
Segundo o alcalde Perfecto Rodríguez, a firma deste convenio é a plasmación práctica do apoio que destina o Concello ao comercio local ás actividades de dinamización económica que dende COEMPO se veñen realizando e que van orientadas a mitigar os graves prexuízos que a crise económica están a provocar aos establecementos do municipio.
O Concello de Ponte Caldelas e COEMPO manteñen unha fluída relación e contactos periódicos a través da Mesa Local de Comercio onde se analizan diversas propostas e solicitudes do sector.
Finalmente, Perfecto Rodríguez, manifestou o seu desexo de seguir impulsando dende o Concello estas actividades promovidas por COEMPO co fin de axudar na dinamización do comercio local e promover a imaxe de ponte Caldelas como destino turístico de calidade a través da iniciativa emprendedora deste colectivo.
Así mesmo, manifestou o alcalde, "esperamos poder seguir contribuíndo, dende os presupostos municipais e a pesar das restricións económicas que padecen as administracións locais, a apoiar os emprendedores, comerciantes e hostaleiros que co seu labor favorecen non só a creación de postos de traballo senón o dinamismo dos municipios como o noso".