Performance en defensa da Administración de Xustiza
Por Natalia Puga
Unha corda con dous extremos. Dun lado, Mariano Rajoy, Alberto Nuñez Feijóo e Alberto Ruiz-Gallardón. Do outro, os funcionarios da Administración de Xustiza. Xóganse o futuro da Administración de Xustiza e o resultado queda en mans do pobo. Nun primeiro momento, posiciónase no bando dos políticos e estes cobran forza na loita, pero os argumentos dos traballadores acaban causando efecto, cámbiase de lado e o xogo remata cunha vitoria clara do persoal dos xulgados.
A escena viviuse este xoves ás portas dos xulgados da Parda, unha performance na que a parte política estaba representada con caretas de Rajoy, Gallardó e Feijóo e a parte sindical con funcionarios a cara descuberta portando carteis nos que citaban todos os dereitos que "foron perdendo os funcionarios".
A cita foi un intento de captar a atención cidadá cara ás protestas periódicas que realizan os funcionarios xudiciais dende hai meses en defensa do servizo público do Rexistro Civil, en contra do anteproxecto de reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial e para mostrar a súa oposición a todas as reformas que formula o Goberno no sector e que aseguran que pon en perigo o servizo publico da Xustiza.
Organizada polo sindicato CSIF, a performance de protesta contou coa participación de todos os sindicatos con representación nos xulgados pontevedreses e cumpriu con ese obxectivo de chamar a atención dos cidadáns, pois todo aquel que entraba ou saía dos xulgados se paraba a presenciala. Ao final da media hora de parodia, o público era nutrido e, tras un grande aplauso, a protesta disolveuse e os funcionarios volveron aos seus postos de traballo.
Con estas protesta, os funcionarios denuncian que o recortes e reformas normativas supoñen, na práctica, un desmantelamento do servizo público da Xustiza e limitacións de acceso para "importantes sectores da poboación".
Coa parodia deste xoves o seu obxectivo é deixar claro que "os funcionarios seguen na loita" a pesar de que as súas reivindicacións non foron escoitadas aínda polos representantes políticos. "O noso deber non é que nos fagan caso, o noso deber é defender o que está nas nosas mans, convencer ao pobo de que está a perder para sempre os seus dereitos", reivindicou o representante do sindicato CSIF.