O concelleiro Agustín Fernández afirma que o PSOE apoia a súa denuncia polo sobrecusto de Pasarón
Por Redacción
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, asegura que contou co apoio do PSOE local, provincial e do grupo municipal á hora de presentar a denuncia polas irregularidades que, entende, producíronse en relación coa construción do estadio de Pasarón.
"Creo que o relevante é que a denuncia está presentada", afirmou o concelleiro que alegou que a presentara de xeito individual porque "é máis fácil presentar a denuncia de título persoal que se se fai como un cargo, porque se hai que facer algún tipo de aportación posterior é máis fácil tomar a decisión un mesmo que a través de órganos colexiados". E engadiu que "as formas parécenme menos importantes que o fondo" e mostrou, de novo, a súa preocupación polo sobrecusto que supuxo a construción do estadio.
Indicou que os representantes socialistas decidiran non facer declaracións sobre o fondo do asunto por respecto á actuación da Fiscalía. "Creo que xa cumprín o que tiña que cumprir", apuntou. O concelleiro explicou que, dende o venres, se decatou do apoio que ten de moita xente. Non obstante, di que non sabe se, entre eses apoios, está o dos seus socios do goberno: "Do Bloque non o sei porque non falei con eles aínda", concluíu.
O concelleiro nacionalista, César Mosquera, manifestara minutos antes que a cuestión administrativa está resolta dende o ano 2007 e que a denuncia é "un fárrago administrativo".
Relacionadas:
-
A Fiscalía pide seguir investigando seis meses máis a suposta prevaricación das obras de Pasarón
Por Natalia Puga |
-
Louzán declara ante a Fiscalía que os reformados de Pasarón foron aprobados por unanimidade e sen reparos
Por Oskar Viéitez & Alejandro Espiño |
-
Mosquera acusa a Tino Fernández de "andar enredando" con Pasarón
Por Oskar Viéitez |
-
Fiscalía pide todos os expedientes relativos ás obras de Pasarón
Por Redacción |