A comisión de desafiuzamentos de Vilagarcía actívase para buscar solución a unha familia dos Duráns
Por Redacción
O próximo mércores 7 de maio reunirase a Comisión de Desafiuzamentos de Vilagarcía, constituída xa previamente, pero que nunca se había reunida. A primeira reunión estará destinada a buscar solución á situación dunha familia que reside nos Duráns e que ten unha orde xudicial de desafiuzamento polo non pagamento dunha débeda.
O caso desta familia destapouno o edil de Esquerda Unida Juan Fajardo no último Pleno da Corporación e agora o Concello activou os mecanismos necesarios para buscarlle unha saída, pois se trata dunha parella no paro con fillos que ten unha débeda bancaria que non pode asumir dada a súa situación económica actual.
O Concello de Vilagarcía indicou que a concelleira de Traballo e Benestar, Elena Suárez, recibiu o venres á parella para analizar a situación na que se encontra e darlles asesoramento e, tras a reunión, decidiu convocar a Comisión de Desafiuzamentos. Tamén acudiron un traballador social, unha educadora familiar e Juan Fajardo e, a continuación, os dous afectados reuníronse coa asesora xurídica municipal.
Segundo indican dende o Goberno local, o resultado da reunión foi "tranquilizador" porque se comprobou que o procedemento de desafiuzamento remata de inicarse e leva consigo unha longa tramitación, de modo que "non existe risco inminente de desafiuzamento e dá marxe para a busca de alternativas".
A comisión do próximo mércores abordará a información relativa a este caso coa presenza dos partidos políticos da Corporación Municipal y representantes da Asociación de Loita contra o Paro de Arousa (Alpa).