Un monolito agradece para a posteridade a implicación veciñal para salvar o Gafos
Por Natalia Puga
"En agradecemento aos veciños que loitaron para que este espazo sexa público e o poidamos gozar todos". Así reza a inscrición que a asociación Vaipolorío elixiu para o novo monolito conmemorativo instalado na rúa Alcalde Hevia, ao pé do río Gafos, nunha parcela de terreo que logrou ser recuperado para uso público grazas á colaboración de cidadáns anónimos.
O monolito levaba días alí instalado, pero non se descubriu ata este sábado. Fíxoo da man do concelleiro do grupo de goberno Vicente García Legísima e do presidente de Vaipolorío, Gonzalo Sancho, nun acto íntimo que quixo converterse nunha homenaxe a todos os pontevedreses que colaboraron na conservación do Gafos.
Gonzalo Sancho defende que "o río é máis que o caudal, é o eixo vertebrador de todo este terreo", de aí que quixesen instalar este monolito de agradecemento aos que fixeron posible que agora o ámbito sexa unha zona verde de ocio e esparexemento e "evitar que onde hai vexetación, árbores e un prado houbera hoxe ladrillo".
O agradecemento á cidadanía diríxese de forma especial a un grupo de persoas que de forma anónima e sen que saíse á luz o seu nome se implicaron para que a parcela que rodea o Gafos no ámbito da rúa Alcalde Hevia se conservase como terreo municipal e non pasase a ser zona edificada.
Enxalza a súa "valentía" e "xustiza" porque se decataron das intencións dun construtor de facer alí un edificio, deron a alerta e finalmente lograron impedir a construción dun inmoble que dese sombra ao río, unha acción que ía camiño de converterse nunha apropiación indebida de terreo municipal e que, ao evitarse, "permite que hoxe teñamos un patrimonio para gozar toda a cidadanía".