Un tramo da rolda urbana a cambio dunha recualificación de terreos para un polígono comercial
Por Oskar Viéitez
A empresa promotora Inpropont traballa para converter uns terreos situados na suba de Montecelo, no lugar de Santa María de Mourente, nun novo polígono para usos terciarios e comerciais.
Trátase dunha superficie de 65.000 metros cadrados cualificados maioritariamente no Plan Xeral como "chan rústico común" e só parcialmente como "chan de núcleo rural". O deseño da rolda urbana atravesa estes terreos que segundo algunha documentación se corresponde coa antiga Granxa do Conde de Oleiros. Esta gran superficie inclúe unha casa de planta baixa en ruínas e pequenas edificacións para o coidado de animais e un hórreo.
En nome da promotora, Cándido Dominguez Cendón, propón ao Concello a firma dun convenio urbanístico mediante o cal se modificaría en Plan xeral de Ordenación urbana neste ámbito para poder desenvolver este polígono comercial. A cambio financiarían con 500.000 euros o tramo da rolda urbana que atravese o polígono comercial.
Segundo explicou o director xeral de Urbanismo, José Manuel Tato, as recualificacións destes terreos son unhas modificacións cualificadas que necesitan razóns de interese público debidamente xustificadas, é dicir, "un plus de interese xeral", e por outro lado "a xustificación da perda dos valores que no seu día cualificaron a ese chan como rústico". Ademais o tramo da rolda que se compromete a financiar a promotora carece de continuidade xa que non está conectado co trazado que ten en marcha o Concello e a Deputación.
Neste sentido a comisión de urbanismo deu conta este martes dos informes municipais "negativos" emitidos pola arquitecta e polo enxeñeiro xefe da Oficina Técnica de Arquitectura e Planeamento que poñen reparos a esta proposta de convenio. A comisión trasladará estes informes á promotora reclamándolle que abunde nos seus argumentos de que esta operación sexa de interese xeral.
"Entendemos que hai déficits na xustificación deste interés xeral", apuntou o concelleiro, Antón Louro.