UGT, CC.OO e TSP homenaxean os traballadores do mar o Primeiro de Maio
Por Redacción
A manifestación que levarán a cabo os sindicatos Comisións Obreiras (CC.OO.), UGT e Traballadores da Sanidade Pública (TSP) o próximo xoves con motivo da celebración do Primeiro de Maio, Día do Traballador, finalizará no peirao das Corbaceiras cunha ofrenda floral e un recordo emotivo os traballadores do mar e, en especial, as vítimas dos últimos accidentes marítimos que afectaron a mariñeiros da bisbarra.
O secretario comarcal de UGT, Ramón Vidal, sinalou que debe ser un Primeiro de maio "reivindicativo e de loito nun período onde os recortes están a forzar a que os traballadores sufran todos os males". Por este motivo, os sindicalistas queren trasladar na rúa a situación na que se encontra a clase traballadora ante a rebaixa dos seus dereitos.
José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de CC.OO., indicou que protestar na rúa é a única saída para recuperar os dereitos ante as decisións que se adoptan dende os gobernos afectando aos máis desfavorecidos da sociedade.
Por outra parte, Cándido Sartier, secretario de TSP, destacou os recortes que se están a sufrir na área pública e principalmente no sanitario.
A manifestación partirá ás 12.00 do 1 de maio da Praza da Peregrina e realizará un percorrido polo centro da cidade ata finalizar no peirao das corbaceiras.