Milleiros de nenos participarán este luns 5 no Correlingua
Por Redacción
Este luns 5 de maio Pontevedra acollerá unha nova edición do Correlingua que este ano ten o lema: "Galego, o paso adiante" en diálogo aberto co escritor lugués homenaxeado este 2014, Xosé María Díaz Castro, quen, no seu poema Penélope, falaba do abalar da historia de Galiza: "un paso adiante e outro atrás, Galiza, e a tea dos teus soños non se move".
O Correlingua iníciase no primeiro trimestre do curso coa publicación do lema e as inscricións nos diferentes concursos. O alumnado elabora as súas propostas para concurso do manifesto, de banda deseñada, de video, e mesmo do Cantalingua, no segundo trimestre. A participación nestes certames permítelle ao alumnado reflexionar sobre a situación do noso idioma e crear os seus propios argumentos para defender o seu uso. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren toda Galicia.
No acto de presentación deste martes, no Concello de Pontevedra, interviñeron en nome das entidades organizadoras representantes de CIG-Ensino e da Mesa pola Normalización Lingüística que sinalaron a importancia de contarmos con actividades coma esta que, desde unha perspectiva lúdica e reivindicativa.
Agradeceron a implicación e colaboración do profesorado e do alumnado participante e reclamaron o apoio de todas as institucións que teñen entre as súas funcións a defensa da lingua.
A carreira pontevedresa rematará na Praza da Ferrería nunha festa final en que se dará lectura ao manifesto gañador e na que actuará un dos grupos gañadores do Cantalingua. Conducirá o acto da festa final a actriz Isabel Risco, recente gañadora do premio Mestre Mateo á mellor actriz de reparto na serie Era Visto!.