O xoves chega un anticiclón que garante xornadas calorosas durante a ponte do 1 de maio
Por Redacción
O tempo nesta xornada do martes 29 vai verse afectado pola entrada de frontes moi pouco activas e ventos húmidos procedentes do Atlántico. Con esta situación, os ceos están en xeral cubertos, coa posibilidade de orballos.
Durante o mércores, as Rías Baixas continuarán baixo a influencia dos ventos do compoñente oeste coa apertura de tímidos claros nas últimas horas do día. As temperaturas roldarán os 18 graos, segundo informa MeteoGalicia.
O xoves 1 de maio, un anticiclón situarase moi preto de Galicia e a situación meteorolóxica comezará a estabilizarse, con ceos pouco anubrados ou despexados. As temperaturas máximas experimentarán un lixeiro ascenso situándose preto dos 21 graos. O vento soprará frouxo e moderado de compoñente norte.
A partir do venres e durante toda a fin de semana, a provincia de Pontevedra quedará baixo a influencia das altas presións que se moverán polo atlántico. O sol estará presente ao longo de toda a ponte e as temperaturas irán ascendido progresivamente ata alcanzar os 28 graos durante a xornada do domingo 4 de maio.