Un gran pacto municipal para salvar os hórreos de Combarro
Por Redacción
A asociación A Solaina rematou o informe urxente sobre o conxunto histórico de Combarro que se realizou nos últimos días e valoran que está en "grave perigo de perda irreversible". Este luns deu a coñecer as dez medidas de actuación que propón para conservar o seu patrimonio no horizonte do 50 aniversario da súa declaración como conxunto histórico no ano 2022. Entre elas figura lograr un gran pacto municipal e un referendum entre a poboación de Combarro.
As dez medidas expuxéronllas aos grupos políticos con representación na Corporación de Poio durante unha reunión que valoran en termos positivos, dado o "clima de cordialidade" e a vontade de buscar consensos na materia tratada que manifestaron tanto o alcalde, Luciano Sobral como os voceiros locais o PSdeG-PSOE, Chelo Besada, e o PP, Ángel Moldes.
A primeira das dez medidas que lles propuxeron consiste en realizar unha diagnose rigorosa sobre a situación socioeconómica e patrimonial do Conxunto Histórico de Combarro por parte das administracións públicas galegas. Para este aspecto é para o que consideran "desexable" lograr un gran pacto municipal e un compromiso extraordinario dos poderes públicos galegos para a xestión eficaz da contorna. Valoran que nun momento coma o actual de "severas dificultades financeiras" para as corporacións municipais, faise "máis urxente ca nunca" a actuación coordinada e cooperativa do conxunto das Administracións públicas.
Esta diagnose consideran que debería basearse nunha enquisa á poboación de Combarro residente no Conxunto Histórico para que valore a percepción, vivencia e opinión dos seus residentes e dos axentes directamente relacionados co conxunto, tales como hostaleiros ou comerciantes. Tería o obxectivo de coñecer se esta poboación quere que Combarro continúe sendo Conxunto Histórico, pois o que vaia suceder coa zona "non ten que ser decisión exclusiva das elites político-administrativas ou dunhas elites intelectuais, ten que ser froito da decisión voluntaria dos directamente afectados, os seus habitantes".
Tras a realización desta enquisa, propoñen a revisión do Plan Especial de Protección, que permita un coñecemento actualizado da situación (uso e conservación) dos espazos e das vivendas do Conxunto Histórico de Combarro, e das súas necesidades en materia de urbanismo e arquitectura tradicional. A continuación, habería que crear unha Área de Rehabilitación Integral permanente que debería permitir a Combarro someterse a unha cualificación de Certificado de Calidade, en anos sucesivos, nalgunha das modalidades internacionais existentes, aplicables a espazos singulares humanizados.
Un plan permanente de conservación e restauración de hórreos, un programa de reactivación residencial, o fomento do uso residencial das vivendas en ruína ou en proceso de ruína e a eliminación do tendido aéreo e de todo tipo cables en toda a área de protección do Conxunto Histórico e a definida como área de rehabilitación son outras das medidas propostas por A Solaina.
Ademais, solicita que o Concello de Poio aplique as recomendacións efectuadas no Informe do Seminario de Estudios Carlos Velasco en 2008 de mellora de accesos ao Conxunto Histórico e que cree unha concellaría específica dedicada ao Patrimonio Cultural e que se deseñe unha acción concertada do Concello de Poio, a Deputación Provincial de Pontevedra e de Turismo de Galicia dun Plan Piloto de Excelencia Turística (Turismo cultural) para o Conxunto Histórico de Combarro.
Estas dez medidas e o resultado do informe urxente elaborado tamén foron entregados este luns ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez; a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; os partidos con representación política no Parlamento de Galicia; a Deputación de Pontevedra; o Consello da Cultura Galega; o Colexio de Arquitectos de Galicia; e as tres universidades galegas.
Relacionadas:
-
Presentan un proxecto de reordenación do casco histórico de Combarro que inclúe a construción dun hotel
Por Oskar Viéitez |
-
Cultura chequeará o grao de conservación de Combarro
Por Redacción |
-
A Solaina suxire a supervisión técnica de todos os hórreos de Poio
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta e o Concello de Poio estudan a recuperación dos hórreos de Combarro
Por Redacción |
-
Requiren unha actuación inmediata das administracións para preservar os hórreos de Combarro
Por Redacción |