Os sindicatos atacan a nova lei de Mutuas no Día da Seguridade no Traballo
Por Redacción
O anteproxecto de lei de Mutuas que está en tramitación no Congreso dos Deputados centrou este luns a celebración en Pontevedra do Día Internacional da Saúde e a Seguridade no Traballo. CC.OO., CIG e UGT coinciden no seu rexeitamento á nova normativa, en especial por un dos seus aspectos, a posibilidade de que os propios médicos das mutuas poidan dar altas.
CC.OO. levou este rexeitamento á rúa. Tras reunirse no edificio sindical da rúa Pasantería, un centenar de delegados sindicais dirixiuse á sede provincial do Partido Popular para entregar un manifesto coas súas reivindicacións. Segundo o secretario comarcal da central, José Luis García Pedrosa, o lugar da protesta seleccionárono porque é o lugar de traballo que teñen os deputados do PP no Congreso cando acoden a Pontevedra e eles son "os que poden facer algo", pois é nese órgano no que se está tramitado o anteproxecto de lei.
En relación coa lei de Mutuas, Pedrosa denuncia que a nova norma "o único que vai xerar é que moitas patoloxías non se aborden con criterios médicos, senón con criterios mercantilistas". O sindicato esixe a retirada dos "elementos lesivos para os traballadores" deste anteproxecto e unha mellora na normativa de enfermidades profesionais que facilite os procesos de recoñecemento destas.
Ademais, piden a aprobación da Estratexia Española de Seguridade e saúde no Traballo 2013-2020, que inclúe obxectivos precisos de redución de sinestralidade, e que se manteñan investimentos públicos en materia de prevención de riscos laborais.
UGT
Ramón Vidal, secretario comarcal de UGT, afirma que houbo unha reducción da sinistralidade pero fai unha relación coa diminución do traballo e, sobre todo, coa reserva dos traballadores á hora de denunciar este tipo de accidentes porque "pode ser motivo para que o seu contrato aminore ou remate".
Reclama que a Inspección teña a capacidade suficiente para abordar a problemática laboral para evitar que se produzan accidentes que poden rematar sendo mortais como sucedeu nos últimos casos no mar. Por este motivo, Vidal avanzou que a manifestación de CC.OO. e UGT do Primeiro de maio rematará no Peirao das Corbaceiras coma homenaxe aos profesionais do sector marítimo.
CIG
Dende a CIG, Rafael Iglesias, amosa a súa preocupación ao entender que o incremento de contratos de tempo parcial rematarán por provocar máis accidentes laborais. E sinala que no caso de contratos eventuais, os traballadores amosan "medo a coller unha baixa por accidente" e, por ese motivo, afirma que a reforma das mutuas vai acrecentar o problema.