A CIG sairá a rúa o 1 de maio contra a explotación e a pobreza promovidas pola Unión Europea
Por Redacción
A manifestación con motivo do Primeiro de maio da CIG levará como lema "Contra a explotación e a pobreza. Fagámoslle fronte á U.E." e partirá ás 12.00 horas da praza da Ferrería para, despois de percorrer o centro da cidade, finalizar na Praza do Teucro.
O secretario comarcal da CIG, Marcos Conde acompañado polo antecesor no cargo Rafael Iglesias, presentou estes actos denunciando a grave situación que se atravesa en Galicia con 280.000 desempregados e 100.000 persoas que tiveron que emigrar nos últimos anos.
Conde arremeteu contra as políticas que desenvolven dende o goberno do Estado e da Xunta "facendo seguidismo do que a Unión Europea lle dita". O dirixente nacionalista considera que esta fórmula só conduce á "precarización, miseria e escravitude". Neste sentido, sinalou que os sectores produtivos galegos se encontran precarizados e puxo como exemplo que a pesca galega está a ser utilizada como moeda de cambio nas negociacións entre o Goberno estatal e a Unión Europea. O secretario comarcal da CIG indicou en relación ao sistema financeiro "quitáronnos os nosos aforros roubando para o beneficio dun banco internacional".
Ante esta situación, dende a central nacionalista recordan que é necesario denunciar esta situación na marcha do 1 de maio.
FALTA DE UNIDADE SINDICAL
Marcos Conde apuntou que segue sendo imposible protagonizar un primeiro de maio conxunto cos outros sindicatos maioritarios (CC.OO. e UGT) a pesar de que vaian xuntos en conflitos concretos nalgunhas empresas, debido a que falta unidade noutro tipo de decisións. Desta forma recordou que a pesar de que a CIG aposta por organizar unha nova folga xeral debido á actual situación económica, CC.OO. e UGT non mostran o seu apoio a estes actos.