María Biempica centrará a atención do pleno de abril ao converterse en concelleira non adscrita
Por Redacción
María Biempica, a concelleira que abandonou o grupo municipal do Partido Popular, converterase este luns 28 a partir das 11.00 horas na principal protagonista do pleno municipal que se celebrará no Teatro Principal. Biempica converterase durante esta sesión en concelleira non adscrita, despois de manifestar o seu malestar pola situación na que se encontraba nas filas populares baixo a portavocía de Jacobo Moreira. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores xa indicou que María Biempica "se quere intervir en todos os puntos, poderá intervir".
Precisamente, o Partido Popular intentará neste pleno que a corporación forme unha fronte común para defender que Pontevedra non perda o seu status a raíz da reforma do mapa xudicial que impulsa o ministro Ruiz Gallardón. O rexeitamento que mostraron os grupos do BNG e do PSOE a esta reforma non é suficiente para Jacobo Moreira, que reclama a unanimidade da corporación para facer fronte ás reclamacións que, dende Vigo, realiza o alcalde Abel Caballero esixindo que a capital xudicial sexa para a cidade olívica.
Por outra parte, os populares tamén solicitará unha explicación do goberno local sobre o crematorio proxectado por Funespaña en San Mauro. Os concelleiros César Mosquera e Antón Louro viñeron manifestando que a empresa cambiou o seu parecer sobre este proxecto, que conta coa oposición dos veciños da zona.
Ademais, o PP tamén pedirá tanto ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores coma ao concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, unha aclaración sobre o destino previsto para o edificio da residencia da Once en Pontevedra. O alcalde manifestara a intención de convertela nun centro cívico, mentres que Louro ofrecía dúbidas en relación con esta proposta.
Pola súa banda, o grupo municipal socialista presentará unha moción esixindo á ministra de Fomento, Ana Pastor, e ao conselleiro de Medio Ambiente e Territorio, Agustín Hernández, a aprobación das subvencións na área de rehabilitación do centro histórico de Pontevedra, xa que os veciños agardan esta resolución dende o ano 2011.
Na sesión plenaria tamén se procederá ao sorteo dos membros das mesas electorais para a cita do 25 de maio cos comicios europeos.
Relacionadas:
-
Biempica renuncia a parte dos cartos que lle corresponderían como concelleira non adscrita
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
María Biempica, "caso cerrado" para o Partido Popular
Por Oskar Viéitez |
-
Máis de 60 propietarios agardan as axudas da Xunta para rehabilitar inmobles do centro histórico
Por Redacción |
-
O Concello cre que Funespaña renunciará ao seu crematorio
Por Oskar Viéitez |
-
Moreira alerta sobre a lectura controvertida que se está a facer desde Vigo da nova Lei de planta xudicial
Por Oskar Viéitez |