Denuncian a falla de limpeza da Praza da Peixería
Por Redacción
A Asociación Pésdebarro acudiu este mércores a Praza da Peixería a realizar o curso de pandeireta e atopouse cun panorama de lixo, botellas, cristais rotos, que aínda continuaba alí despois de xa pasados cinco días do festival que houbo o sábado.
"Xa nos pasou o mesmo o ano pasado, pero non nos queixamos, pensamos que fora por falta de tempo e de organizarse a falta de limpeza, pero vemos que o desleixo municipal para a instalación municipal xa se converte en tradición despois de Semana Santa, e non imos esperar a unha terceira vez para deixar a nosa queixa por rexistro", afirman desde este colectivo.
A directiva da Asociación decidiu facer a clase no medio da beirarrúa.
Pésdebarro considera unha "falta de respeto á cultura tradicional e local", a falla de coidado do mobiliario urbano e das instalacións municipais, por parte do Goberno do PP. "Pagamos toda a veciñanza cos nosos impostos para poder utilizala nun mínimo de condicións e que haxa un mínimo de limpeza e coidado das instalacións municipais".
A Asociación Pésdebarro espera non atoparse na mesma situación o vindeiro mércores cando chegue para dar a clase de pandeireta.
A Xunta de Goberno Local abordará o venres as medidas a adoptar contra Esquerda Unida pola acumulación de lixo deixado na Praza da Peixería tras a celebración a pasada fin de semana do Festival Mundo Vermello organizado pola formación esquerdista. O Concello cedeu o uso do recinto tras a petición realizada polo concelleiro de Esquerda Unida, Ramón Bueno, coa condición, entre outras, de que a organización se responsabilizarse da limpeza das instalacións unha vez rematada a actividade tal como se recolle na certificación do permiso remitido ao edil.