Dan comezo as obras de reparación da rúa da Perla en Portonovo
Por Redacción
A rúa de La Perla supón un dos principais accesos que comunican a zona urbana de Portonovo coa estrada PO-308 e polo tanto un vial que soporta diariamente un tránsito elevado de vehículos. Isto provocou que o seu firme presente actualmente un lamentable estado que dificulta tanto o paso de vehículos como de peóns.
Con tal motivo dende a Concellaría de Obras e Infraestruturas do Concello de Sanxenxo xestionáronse os trámites necesarios ante a Deputación Provincial para levar a cabo as obras de pavimentación deste vial a través do Plan Provincial de Obras e Servizos que conta cun presuposto de 30.521,38 euros para afrontar esta actuación.
Así pois, durante estes días, o Concello de Sanxenxo, a través da empresa concesionaria do servizo de auga municipal "Espiña e Delfín" levará a cabo a reposición das canalizacións de subministración de auga que transcorren por esta rúa substituíndo as que xa había. Estes traballos que provocarán o corte parcial da rúa, prolongaranse ata finais da próxima semana.
Posteriomente, a partir do día 5 de maio, se as condicións climatolóxicas o permiten, procederase a levar a cabo o arranxo de todo o vial.
Estes traballos consistirán no fresado do firme existente para proceder á súa posterior pavimentación que se realizará con mestura bituminosa en quente. Ademais instalarase toda a sinalización horizontal tanto da rúa coma da praza.