Combarro instalará unha pantalla xigante para ver o Festival da canción de Xibraltar
Por Redacción
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, recibiu da man de Miguel Martínez Chapela os exemplares do seu último traballo Abre o teu corazón, un disco integramente en galego e con fins benéficos, xa que toda a recadación pola súa venda irá destinado á infancia nos países en vías de desenvolvemento a través de UNICEF.
Asemade, o alcalde entregou unha bandeira do municipio ao cantautor poiense, que este xoves levará o nome de Combarro e Poio a Xibraltar, a onde parte para participar o vindeiro sábado no Festival Internacional de la Canción de Xibraltar, para o que foi seleccionado de entre máis de 400 participantes de todo o mundo.
Na final, competirán 14 cantantes de países como Venezuela, Reino Unido, Cuba, Italia, Perú... Esta é a primeira ocasión na que Miguel Martínez participa neste festival, no que interpretará a canción inédita Seguiré soñando.
O festival poderase ver en streaming na web www.gibraltarsongfestival.com, e na Comunidade de Montes de Combarro onde se instalará unha pantalla xigante para ver o festival en directo, con entrada de balde, o 26 de abril ás 21.00 horas.