Louzán, hóspede de honra en Bos Aires
Por Redacción
O presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán, é o novo hóspede de honra da capital de Arxentina. Foi nomeado no transcurso dun acto no Salón Eva Perón do Pazo Lexislativo de Bos Aires no que recibiu unha medalla e un diploma de mans do deputado Daniel Presti.
Con esta mención a Lexislatura de Bos Aires distingue a visitantes estranxeiros destacados no ámbito da cultura, as ciencias, a política, a economía ou o deporte, entre outros.
Segundo informou a Deputación nun comunicado, Louzán amosou o seu agradecemento por esta distinción "que non é miña, senón de todos os presentes e da colectividade española".
Agradeceu a Bos Aires e a toda Arxentina terlle dado aos habitantes de Galicia un lugar para vivir e ofreceu toda a súa colaboración para levar a cabo proxectos conxuntos que beneficien tanto a comunidade galega como á propia cidade Bos Aires.
O representante da Cidade Autónoma de Bos Aitres, Daniel Lipovetzky, destacou a "gran traxectoria política" do presidente provincial e o seu "interese nos vínculos con Arxentina".
Segundo difundiu a Deputación, incidiu en que a declaración que distingue a Louzán foi apoiada por todos os bloques do Corpo Lexislativo da cidade, o que "demostra que non importa a pertenza política, senon o traballo que se fai conxuntamente".