Xornadas reivindicativas para SOS Panadeira
Por Oskar Viéitez
Nada de vacacións. Tamén en Semana Santa os integrantes do colectivo SOS Panadeira manteñen activa a súa loita para evitar a construción duns amarres por parte do Real Club Náutico de Sanxenxo.
Numerosos turistas que estes días visitan Sanxenxo están a coñecer o conflito polos polémicos peiraos e moitos deles solidarízanse coa súa firma na campaña de recollida de adhesións que puxeron en marcha cunha mesa instalada na Praza do Mar.
Neste punto informativo, ademais de folletos véndense camisetas e chapas coas que SOS Panadeira axuda a financiar as súas actividades. Ademais a reivindicación acompañouse cunha nova limpeza das praias de Panadeira e Os Barcos.
Por outra parte, o próximo día 30 está previsto que se celebre en Cambados o xuízo contra integrantes desta Plataforma pola denuncia presentada por un traballador do Náutico por un incidente acontecido no mes de xaneiro cando se continuaban as obras de instalación do peirao.