A Garda Civil requisa máis de dúas toneladas de ameixa procedentes de Portugal
Por Redacción
Un operativo da Garda Civil da Comandancia de Pontevedra saldouse co comiso de 2.275 quilos de marisco. Esta mercadoría foi requisada porque non estaba debidamente documentada.
O operativo tivo lugar na madrugada do mércores e nel participaron un total de seis axentes da Benemérita que, tras deter o vehículo que transportaba o marisco, contactaron co Servizo de Gardacostas, que incorporou ao operativo a outros cino axentes que se fixeron cargo da mercadoría comisada.
O lugar no que se desenvolveu o operativo foi a peaxe de Curro da autoestrada AP-9, no termo municipal de Barro.
O marisco comisado é ameixa xapónica procedente de Portugal con destino descoñecido.
Ademais do comiso, os axentes incautáronse tamén do vehículo que transportaba a mercadoría, que foi trasladada posteriormente ao Instituto Galego de Formación de Acuicultura (IGAFA), da Consellería do Medio Rural e do Mar. O obxectivo é o de conservar o marisco e analizalo para comprobar se pode ser resementado nalgunha praia con todas as garantías.