O guindastre retirou 3.950 vehículos infractores en 2013, un 14% menos que no ano anterior
Por Natalia Puga
O guindastre municipal retirou no ano 2013 un total de 4.596 vehículos en Pontevedra, dos que 3.950 foron enviados ao depósito por cometer algunha infracción denunciada pola Policía Local. A cifra supón unha redución do 14% con respecto aos retirados o ano anterior, 4.613.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, e o intendente xefe da Policía Local, Daniel Macenlle, achegaron os datos este mércores durante a presentación da memoria de actividade do Corpo policial, que recolle que en total o ano pasado se impuxeron 13.707 sancións, un descenso do 15,4 por cento e de 2.495 denuncias con respecto a 2012.
Da Silva considera este descenso das sancións e dos vehículos retirados polo guindastre un dato positivo en canto a que desvela unha "mellora significativa" da seguridade vial na cidade. Atribúea a tres motivos: o comportamento responsable da cidadanía, as medidas de calmado do tráfico vinculadas ao modelo urbano e a rigorosidade coa que a Policía Local actúa para facer seguimento dos procedementos e sancións ("se se infrinxe, a sanción vai para adiante").
En relación coas actuacións do guindastre, dos 3.950 vehículos retirados por infraccións, a maior porcentaxe remataron no depósito por facer un uso incorrecto dos aparcadoiros destinados a carga e descarga. En total, engancháronse 1.742 coches e motos estacionados en zona de carga e descarga en horario de utilización sen ser vehículos especializados en transporte. Foron o 44% do total.
O 44% dos vehículos enganchados estaban estacionados en zonas de carga e descarga de forma incorrecta
O segundo motivo que motivou a retirada de máis vehículos polo guindastre foi estacionar en carrís ou zonas da vía reservados a outros usuarios, unha situación que afectou a 843 condutores, o 21,34% do total.
Ademais, o guindastre municipal enganchou 347 vehiculos estacionados impedindo a saída ou acceso a un inmoble ou entrada a un garaxe (o 8,78 do total), 216 aparcados en paradas de transporte público debidamente sinalizadas e limitadas e 159 que estaban en zonas reservadas para persoas con mobilidade reducida sen contar con autorización para iso.
Estacionar en pasos de peóns (21), aparcar en dobre fila sen condutor (40), deixar o vehículo na beirarrúa (127) ou obstaculizar o tráfico e poñer en perigo a circulación (223) foron os outros motivos máis frecuentes que motivaron unha actuación da grúa municipal.
A memoria policial recolle un incremento das chamadas realizadas por cidadáns á central da Policía Local, pois pasaron de 26.256 a 27.773 nun ano. Como dato rechamante, o 44% das chamadas fixéronse dende un teléfono fixo.
Especial mención ten o programa de Camiños Escolares, que o ano pasado se estendeu a todos os colexios do municipio, nos que hai censados 1.942 nenos de 7 a 12 anos. Deles, 412 xa van ao colexio sós grazas ao servizo, 880 fano acompañados e 650 por outros medios. Daniel Macenlle destacou a importancia deste proxecto para fomentar o "respecto e autonomía persoal" dos alumnos.
Relacionadas:
-
O día en que o 'ollomóbil' pasou a ser o 'multacar'
Por Natalia Puga |
-
Detectan seis vehículos realizando tarefas de transporte escolar sen autorización
Por Natalia Puga |
-
Un novo servizo da Policía Local asesora as vítimas de accidentes de tráfico
Por Natalia Puga |
-
315 euros de sanción por aparcar reiteradamente nunha praza para discapacitados para ir a traballar
Por Diego Espiño |
-
37 condutores sancionados cada día
Por Natalia Puga |
-
"Ahora si vas solo al cole, puedes ir tranquilo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |