Rastro solidario contra o cancro con agasallos de voda
Por Anxo Lourido
Xa está aberto o tradicional rastro do Nadal da Asociación Española contra o Cancro. Nesta ocasión sitúase na antiga oficina de Caixanova situada entre García Camba e Andrés Murais. A presidenta da Asociación en Pontevedra, María José Crespo, agradece a cesión do local por parte da familia Osorio e afirma que este ano teñen de todo: dispensadores de bebés, bicicletas, roupa, máquinas de escribir, material de cociña. Mesmo, asegura, "hai parejas que traen regalos de boda que no les gustan".
Nesta ocasión, o obxecto máis prezado é un cadro de Seoane que alcanza os 500 euros. Pero en canto a pinturas, tamén hai oportunidade de levarse os traballos de novos artistas saídos da Facultade de Belas Artes por 30 euros. Trátase de cadros de proxectos fin de carreira cedidos pola Deputación Provincial.
O máis demandado, di María José Crespo, adoitan ser as pezas deportivas: a camiseta do Celta asinada polos xogadores, a do Pontevedra, a da selección de baloncesto ou as gorras de Fernando Alonso ou do motorista Jorge Pedrosa.
O ano pasado, a asociación obtivo 14.000 euros a través desta actividade. A presidenta agarda superar esa cantidade este ano porque a crise nos está a afectar moito. Levamos dous anos sen axudas de Novagalicia Banco e a Deputación e o Concello tamén nos recortaron".
O 15% do diñeiro recadado irá destinado a bolsas de investigación científica. O resto investirase en actividades que a organización realiza en Pontevedra: coidados paliativos, axudas sociais, reinserción laboral, programas e actividades nos colexios...
Máis de trinta voluntarios axudarán neste rastro durante o nadal. E calquera que desexe ceder algún artigo a esta causa solidaria non ten máis que trasladalo ata o local de García Camba.
Na inauguración xunto á presidenta da AECC en Pontevedra asistiron o Xefe provincial de Sanidade, Anxos Feijóo Montenegro e a deputada de Cultura, Ana Isabel Vázquez.