A Praza de Touros de Pontevedra acollerá o Xoves Santo a un centenar de cabalos
Por Oskar Viéitez
A segunda edición da Ruta Cabalar Salnés - Terra de Montes que se levará a cabo o próximo 17 e 18 de abril, se achega xa ao centenar de inscricións. Todos os asistentes a este evento poderán gozar dunha grande ruta a cabalo de 80 quilómetros de percorrido que transcorrerá polas belas paraxes dos municipios de Sanxenxo, Meaño, Meis, Pontevedra, Campo Lameiro, Cerdedo e A Estrada.
A ruta percorrerá durante o primeiro día, xoves 17, Sanxenxo, Meaño, Meis e Pontevedra, lugar este último onde os cabalos poderán pasar a noite nas instalacións da praza de touros. A segunda xornada, venres 18, desenvolverase polos municipios de Campo Lameiro, Cerdedo e A Estrada.
A ruta cabalar conta coa colaboración da Deputación e os sete concellos polos que transcorrerá, cuxos alcaldes recibirán os xinetes participantes, obsequiándoos ademais con produtos típicos da zona.
Os participantes da marcha poderán gozar de paraxes como a Ruta da Pedra en Meis, a zona vella de Pontevedra ou o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro.
A ruta terá o seu punto de partida no porto de Sanxenxo e o seu remate na parroquia de Sabucedo.