O Obradoiro de Emprego de Monte Porreiro clausura as súas portas
Por Redacción
Os 24 pontevedreses desempregados que participaron no Obradoiro de Emprego de Monte Porreiro recibiron este venres á concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, nas vésperas da clausura desta iniciativa formativa que o Concello puxo en marcha coa colaboración da Consellería de Traballo.
Acolleu a 12 alumnos no módulo de Dinamización Turística e a outros 12 no de Dinamización Comercial. Os primeiros centraron as súas prácticas nas oficinas de información turística municipal e os segundos na Praza de Abastos, onde desenvolveron diferentes campañas. O corpo docente estivo integrado por cinco profesionais.
Román lamentou especialmente a escasa duración do programa, pois entende que seis meses é un período escaso para que un Obradoiro de Emprego consolide os seus resultados e ofreza, ademais dunha boa formación, posibilidades sólidas de integración no mercado laboral.
O Obradoiro de Emprego foi concedido este ano a Pontevedra despois de tres anos consecutivos nos que a Consellería de Traballo denegou a solicitude pontevedresa.
O orzamento total foi de 225.000 euros, dos que 213.000 euros corresponden á achega da Xunta e aos fondos europeos e outros 12.000, xunto coa cesión das instalacións, ao Concello.