Tres mariñeiros dun barco de Marín falecen e dous están desaparecidos tras chocar cun mercante nas Cíes
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Tres mariñeiros faleceron e dous encóntranse desaparecidos nun novo accidente marítimo que, nesta ocasión, se rexistraba na ría de Vigo nas proximidades das Illas Cíes.
Sobre as 2.45 horas, Salvamento Maritimo recibía unha chamada de socorro debido ao impacto de dous barcos, o mercante Baltic Breeze con bandeira de Singapur e o barco de pesca 'Mar de Marín' da casa armadora Pesca Loira, con porto base na vila marinense e dez tripulantes a bordo. O choque provocou o afundimento do pesqueiro.
Segundo os datos que transcenderon polo momento deste accidente, os tres cadáveres recuperados pertencen ao segundo patrón do barco, Alejandro García Castro, natural de Poio e veciño de Barro; Carlos Santos Villar, de Cangas e maquinista; o marroquí Hassan Zigari, engraxador do pesqueiro e veciño de Marín, mentres que os desaparecidos son o veciño de Marín, Manuel Domínguez Mallo, e un cidadán ghanés, que tamén residía na vila marinense.
Os superviventes da tripulación son dous pontevedreses e dous veciños de Marín, Francisco Javier Pazó San Jorge, capitán do 'Mar de Marín', Gonzalo Santiago Torres, Juan Ramón Santiago Torres, Gumersindo Marquez Avis, ademais de Nicolás Mira, un biólogo que actuaba como observador.
Segundo manifestou o patrón maior de Vigo, Xulio Alonso, o mercante ía polo seu carreiro e foi o pesqueiro quen realizou unha manobra irregular, virando a babor, que provocou "unha colisión brutal. Non dou tempo a que os mariñeiros se puxeran os traxes de supervivencia". En dous minutos, o 'Mar de Marín' afundíase de popa cara a babor nas proximidades de Monteferro. Os cinco tripulantes rescatados alcanzaron a lancha salvavidas e foron auxiliados por Aduanas mentres que os outros tres non lograron achegarse ata a embarcación.
Os cadáveres atopados foron recollidos por pesqueiros do porto de Vigo. O barco, segundo o patrón maior de Vigo, atópase localizado a 52 metros de profundidade e entende que "ahí no hay visibilidad ninguna, hay muchísimas corrientes, es una cosa muy peligrosa. Ellos estaban todos arriba en el puente, están casi con toda seguridad fuera del barco. Entonces, arriesgar vidas para buscar un cadáver sinceramente yo no lo veo, es mi opinión particular".
O Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo situado en Vigo está a coordinar dende o inicio da emerxencia un dispositivo marítimo e aéreo formado por medios de diferentes organismos. Ademais, informaron de que dende a Salvamar Mirach un grupo de mergulladores de Salvamento Marítimo da Base Estratéxica de Fene, un sarxento dos GEAS e 2 técnicos da Universidade de Vigo localizaron mediante un sónar ás 12.45 horas o pecio do Mar de Marín a 57 metros de profundidade e a unha distancia de 1,4 millas ao sueste do illote do Boeiro, ao Sur das Illas Cíes.
A última hora da mañá deste martes os medios que están a participar na busca son de diferentes entidades e céntranse na zona sur de Cies e entre estas illas e Ons. De Salvamento Marítimo, o helicóptero Helimer 203, a embarcación Salvamar Mirach, o buque María Pita e cinco mergulladores da Base Estratéxica de Fene e un técnico de Operacións Especiais. De la Guardia Civil, a embarcación Corvo Mariño e o helicóptero Cuco 03. Do Servizo de Vixilancia Aduaneira, a patrulleira Halcón. De la Xunta de Galicia, a embarcación Serra Barbanza, o helicóptero Pesca I e o Ría de Vigo. Protección Civil ten por terra efectivos da zona de Cangas e a Policía Nacional despregou o helicóptero Ángel. Ademais, colaboran varios pesqueiros.
Relacionadas:
-
Arquivan a causa xudicial polo naufraxio do 'Mar de Marín'
Por Natalia Puga |
-
Tercer día de busca dos desaparecidos do 'Mar de Marín'
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Salvamento Marítimo amplía ata a ría de Arousa a busca dos dous mariñeiros do 'Mar de Marín' desaparecidos
Por Redacción | Creada e actualizada
-
"Todo fue muy rápido", aseguran os sobreviventes do afundimento do pesqueiro 'Mar de Marín'
Por Redacción |
-
O Concello de Marín solicita "respecto cara ás familias de todos os tripulantes do Mar de Marín"
Por Oskar Viéitez |