Este luns comezan os traballos previos para rehabilitar o barrio mariñeiro de Cunchidos en Lourizán
Por Redacción
O Concello de Pontevedra comeza este luns 31 de marzo os traballos previos para acometer a rehabilitación integral do lugar dos Cunchidos, na parroquia de Lourizán. Agárdase que a mediados da semana se traballe xa no levantamento dos pavimentos.
Os traballos previstos teñen como finalidade modernizar esta zona pontevedresa con, entre outras obras, a eliminación de barreiras arquitectónicas, mellora da accesibilidade e dos pavimentos e canalizar as augas pluviais.
A primeira actuación centrarase nun zafarrancho de limpeza no barrio do Pexegueiro. Instalaranse pasamáns para facilitar o tránsito peonil e suavizaranse as pendentes máis duras. Os firmes máis deteriorados substituiranse por formigón.
Os traballos realizaranse a man debido a que as rúas son moi estreitas e peonís. O investimento sitúase en 38.700 euros.