Catalina González recibirá o luns as reclamantes das axudas eliminadas a familias con menores
Por Redacción
A alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, recibirá o luns as persoas que demandan o pagamento das axudas municipais a familias con fillos menores ao seu cargo que foron eliminadas no exercicio 2011.
Así o confirmaron dende o Gabinete da Alcaldía ao grupo de veciños e veciñas que solicitaron unha reunión coa rexedora para abordar esta cuestión xa tratada hai uns días coa concelleira de Benestar Social, Isabel González.
Catalina González atenderá, pois, aos reclamantes a pesar de que no seu momento dende a Administración local lles trasladaron a imposibilidade de aboar as contías deste programa municipal, que ascendían a 720 euros, ao non existir partida presupostaria para iso.
Nese sentido, o Executivo sanxenxino recordou que nos últimos anos, as medidas de austeridade ás que está a someter ao presuposto da Entidade local incluíron a supresión das subvencións que antes entregaba o Concello de Sanxenxo a colectivos, asociacións e particulares.
"Tan só mantemos as axudas de emerxencia social que poden solicitar todas aquelas persoas que atravesen dificultades económicas e precisen apoio e tamén preservamos aquelas que lle outorgamos a asociacións de índole social", explicaron dende o Goberno.
De todos os xeitos, os representantes municipais recordaron que a edila de Benestar Social xa lles comentou recentemente que solicitaría un informe a este respecto ao servizo local de Intervención, documento que será trasladado aos afectados.