O BNG demanda medidas urxentes no antigo edificio de "Pais-Baladrón"
Por Redacción
O BNG demandou do goberno local no pleno do pasado venres que tome medidas urxentes para evitar os deterioro do emblemático edificio da esquina da Roda e o perigo que supón para os viandantes os desprendementos que caen sobre a rúa.
A portavoz nacionalista Pilar Blanco, preguntou polas medidas que dende a Concellaría de Urbanismo "xa se deberían ter tomado ante os evidentes síntomas de derrubo que presenta o edificio", e afirmou que os veciños das vivendas da Roda e os comerciantes da zona "están seriamente preocupados ante a falta de resposta por parte do Concello".
"Nestes momentos o edificio presenta síntomas de afundimento interior, o cal fai que o seu peso empurre as paredes cara a fóra. Ademais os tragaluces de vidro están esnaquizados e en calquera momento poden caer ao chan, ao igual que as contras das ventás. Todo isto é comprobable dende á rúa", afirma.
Dende o BNG apuntan que é preciso actuar con urxencia e "antes de que suceda calquera contratempo que poña en perigo a vida das persoas" e denuncian a "pasividade do goberno local como xa sucedeu con outros edificios abandonados da zona antiga".