"Superheroes" veciñais contra o frío: búscase evitar situacións extremas
Por Alejandro Espiño
Alertar de situacións graves de persoas dependentes, familias con nenos pequenos, maiores que viven sós ou parados sen recursos. Será labor, se aceptan o encargo, das asociacións de veciños do rural pontevedrés. ÿ o chamamento que realizan desde o Concello de Pontevedra para combater a época máis fría do ano. Aseguran que esta colaboración cidadá será clave para identificar e previr traxedias persoais.
Sendo conscientes de que a crise económica deixou a moitas familias con escasos recursos para facer fronte ao inverno, renunciando ata a non acender a calefacción ao non poder sufragar o seu custo, o goberno municipal abrirá a Rede Axuda aos colectivos veciñaies das parroquias para que eles poidan avisar sobre a precaria situación de familias ou individuos que estean en risco de exclusión social.
"Ao mellor conseguimos actuar antes de que se chegue a unha situación límite", explica a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces. "Ese é o noso obxectivo, que a xente non acabe inmersa en situación extremas". De ter éxito nesta iniciativa, o Concello de Pontevedra pretende ampliar a cobertura da Rede Axuda de forma que estas asociacións reciban toda a información que se lanza a través dela e se amplíe esta "canle directa".
Este foi uns dos aspectos analizados na reunión da mesa de protocolo de frío, na que participan o Concello de Pontevedra, a Policía Local, Protección Civil e todas aquelas asociacións sen ánimo de lucro que atenden a persoas sen teito. Tratábase de analizar a situación, agora que comeza a época máis fría do ano, para deseñar unha serie de estratexias encamiñadas a mellorar este labor social.
A Policía Local calcula que actualmente pernoctan nas rúas de Pontevedra unha trintena de "sen teito"
A Policía Local fixo unha relación de lugares onde habitualmente pernoctan persoas que dormen na rúa, así como un censo aproximado do número de "sen teito" habituais nestes espazos, ao redor de trinta, segundo os días ou tempadas. En función deste reconto, estanse realizando previsións de compra de roupa interior e material de abrigo, así como vasos térmicos para dotalos de bebidas quentes no caso de que estas persoas queiran seguir na rúa en situacións adversas, como as vagas de frío.
No marco desta reunión, Carmen Fouces agradeceu ademais a colaboración de empresas locais en situacións como esta, destacando o último caso delas, a empresa Olbe, que facilitou roupa de abrigo procedente de fábricas que pechan ou que saldan pezas con defectos a prezos moi competitivos. Neste sentido, animou a entidades e cidadáns a seguir colaborando en todos os ámbitos sociais.