Novagalicia Banco pecha as oficinas de Paseo de Colón, A Parda e Campolongo
Por Alejandro Espiño
Tres oficinas de Novagalicia Banco en Pontevedra pecharán as súas portas. Trátase das situadas en Paseo de Colón, A Parda e Campolongo. Esa é a decisión dos directivos da entidade. Forma parte do plan de reestructuración que os bancos intervidos polo Estado deberán presentan ante o Banco de España esta mesma semana e que deberá ser ratificado por Bruxelas a finais deste mes.
No caso de Pontevedra, que se quedará con tan só 16 sucursais de Novagalicia Banco en toda a cidade, tralo peche destas tres oficinas os clientes serán derivados a outras sucursais próximas.
Os de Paseo de Colón terán que dirixirse á oficina que Novagalicia Banco ten na rúa Herreros, mentres que os que operan na sucursal que a entidade ten na rúa Pintor Laxeiro, na Parda, pasarán a facelo en Eduardo Pondal. E para rematar, os de Campolongo, cuxa oficina estaba nas inmediaciones da delegación territorial da Xunta de Galicia, serán derivados a Manuel del Palacio.
Ademais destas tres sucursais, a entidade que preside José María Castellano, pechará a oficina dedicada a empresas que está situada no Porto de Marín. A partir do súa clausura, os seus clientes deberán desprazarse ata Estribela para realizar as súas operacións bancarias.
O persoal de todas estas oficinas xa está informando personalmente aos clientes destos peches, aínda que segundo apuntan desde Novagalicia Banco, seguirase o protocolo habitual neste tipo de situacións e informarase por carta a todos os seus usuarios dos cambios que se producirán tras esta reestructuración da rede de oficinas.
Pero peor é o caso doutras localidades nas que o peche da oficina de Novagalicia Banco provocará a desaparición da súa única entidade bancaria, algo que, segundo denuncian os sindicatos, repercutirá en que haxa cidadáns sen a súa atención directa. Aínda que a lista non se fixo pública na súa totalidade, entre elas estarían Baión (Vilanova de Arousa) e Bamio (Vilagarcía de Arousa).
En total, Novagalicia Banco pechará unhas 30 oficinas en Galicia, ás que haberá que sumar outras 15 da rede exterior no resto de España e tres máis en Portugal. Trátase dunha reestructuración que a entidade prevé materializar a partir do próximo mes de decembro.