O goberno local nega que haxa unha campaña de persecución contra os donos de cans
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O concelleiro encargado da área de Cans do Concello de Pontevedra, Miguel Filgueira, rexeita que se estea a desenvolver unha campaña de persecución cara aos donos de cans por parte da Policía Local con sancións por levar os cans sen correa ou por non recoller os excrementos. Sinala que se trata da mesma campaña que se vén acometendo durante todo o ano e que, en determinadas épocas, se acentúa.
Miguel Filgueira alegou que "o que se está facendo non é nada extraordinario. A gran maioría de donos de cans cumpre ben e só hai unha minoría que fai o que lle da a gana". Neste sentido, sinalou que nos últimos tempos se constata que a presenza de excrementos na cidade diminuíu e que sempre se mantén unha campaña de control policial, tanto con axentes de paisano coma de uniforme: "Se está dicindo que van de paisano a pillar, pero a policía actúa de paisano ou de uniforme pero non en plan represivo senón para mellorar a situación"
Indicou que a minoría que incumpre as normas provoca que se produzan casos nos que "nun espazo público, un animal solto pode provocar accidentes, xa tivemos casos de que se meten diante dunha bicicleta ou que se pon a xogar cun neno e o lastiman".
En relación coa demanda que realizan os representantes de Adopcións Galicia de crear outro parque para que os cans poidan utilizalo libremente, sen necesidade de estar atados, o concelleiro sinalou que "temos un parque xa, na Xunqueira de Alba, non é un recinto de catro metros cadrados senón que ten varios centos de metros cadrados, está valado e con auga para que os cans poidan beber. O Concello ten previsto crear algún máis. Se baralla en Monte Porreiro e en varias zonas da cidade". Non obstante, Filgueira indicou que non é unha medida prioritaria, que se vaia poñer en marcha nun breve prazo de tempo.
Ademais, o concelleiro indicou que non foron moitas as sancións relacionadas con cans nos últimos meses e reafirmouse en que a campaña de vixilancia se desenvolve durante todo o ano e que en determinados meses se actúa contra os infractores cun maior celo por parte dos axentes.
DENUNCIAS DA POLICÍA LOCAL
Durante a primeira semana de marzo de 2014 realizouse unha campaña especial en zonas públicas por parte dos axentes da Policía Local, tanto de paisano coma de uniforme, que acudiron na maioría de casos a lugares nos que se recollían queixas de cidadáns polas molestias que causaban os cans. Os axentes vixiaron 53 cans que xeraban sospeitas e realizáronse 9 denuncias durante esa semana. Cinco delas por ir soltos ou sen bozo, tres deles potencialmente perigosos; outros tres por non levar microchip e un por non recoller os excrementos nun parque infantil.
Segundo datos da Policía Local, durante o ano 2013 se realizaron 67 denuncias, na súa maioría pola presenza de animais potencialmente perigosos que non cumprían coa normativa para encontrarse en espazos públicos. 35 destas denuncias eran por carecer de licenza, 9 por non levar bozo ou correa, 7 por non se encontrar censado e 7 por non dispoñer do seguro obrigatorio e tratarse de cans perigosos. Tamén se denunciaron menos dunha decena de casos porque os donos dos animais non recolleran os excrementos.
Relacionadas:
-
O colectivo 'Por un parque para perros digno' solicita unha audiencia urxente co alcalde
Por Redacción |
-
O colectivo 'Por un parque para perros digno' prepara novos actos de protesta
Por Redacción |
-
Animalistas lamentan a disparidade de sancións aos donos de cans en Marín e Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Donos de cans inician unha campaña de denuncia: "Nos estamos sintiendo perseguidos"
Por Natalia Puga | Creada e actualizada