A CIG protesta no Campiño para alertar da "grave situación" do sector da automoción
Por Oskar Viéitez
Centos de traballadores da automoción desenvolveron este martes concentracións simultáneas convocadas pola CIG-industria en todas as compañías da automoción para "sensibilizar os cadros de persoal das graves ameazas que enfronta o sector".
No caso de Pontevedra a protesta tivo lugar no polígono do Campiño onde están radicadas as auxiliares Treves e Aludec.
Con esta mobilización quixeron tamén "alertar as empresas ante o futuro incerto que teñen por diante como consecuencia da parálise na industria do coche eléctrico, do escurantismo de Stellantis a respecto dos plans para a planta de Vigo e da falta dunha política industrial por parte da Xunta de Galicia".
As mobilizacións tiveron lugar coincidindo cos cambios de quenda ás portas dun total de 24 compañías da industria galega do automóbil, tanto de fabricación como de compoñentes, baixo o lema 'Nin reconversión, nin deslocalización. Emprego con dereitos'.
A CIG afirma que as constantes paradas que está a facer Stellantis -como a última de 10 días que vén de anunciar- "auguran unha nova vaga de despidos, ERE e ERTE". Insisten en que "os custes laborais son moi altos, o que motivaría os despidos, mais o certo é que os beneficios empresariais están disparados".
CIG-Industria reclama que a concesión de subvencións se vincule co mantemento do emprego e das condicións laborais.
A central sindical levará a cabo unha nova protesta o vindeiro venres 18 de outubro, coincidindo coa folga convocada en Italia en Stellantis e nas empresas auxiliares ante a baixada da produción.