Dez anos de Oktoberfest en Campelo
Por Redacción
A Praza da Granxa acolle este venres e sábado, 4 e 5 de outubro, a décima edición da Oktoberfest organizada pola Asociación Cultural e Deportiva de Campelo.
A cita, que mestura cervexa, gastronomía e música en directo, contará ademais con diversas actividades e ata luditeca infantil.
"A celebración este ano da décima edición da Oktoberfest quere dicir que é xa unha cita totalmente consolidada", afirmou na presentación do evento o alcalde de Poio, Ángel Moldes.
Víctor Pradera, secretario da ACD Campelo, destacou pola súa banda o carácter familiar da Oktoberfest, cunha programación que arrincará o venres ás 18.00 horas coa animación infantil de Javi Solla. Máis tarde, desde as 22.00 horas inclúense tamén actuacións de Raul e Cía e o DJ Arro.
O sábado pola súa banda haberá sesión vermú ás 13.00 horas con música de 'Algo pasa con Mary', pola tarde organizaranse xogos populares e pola noite concertos de Son das Tabernas e DJ Arrow.
Como en edicións anteriores, habilitarase un servizo de autobús lanzadeira gratuíto desde as 21.00 e ata as 3.00 horas, con saída da igrexa de San Roque en Pontevedra pasando polo Pazo de Ferreirós, Combarro e A Seara.