Ofensiva do PSOE para rematar con "máis de dez anos de escapismo do PP" na dragaxe do Lérez
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O PSOE galego realizará durante os vindeiros meses unha ofensiva para conseguir que a dragaxe do río Lérez ao seu paso pola cidade de Pontevedra sexa unha realidade, centrada en lograr que os Orzamentos da Xunta de Galicia para 2025 inclúan unha "partida importante" para o proxecto.
O secretario xeral dos socialistas galegos, Xosé Ramón Gómez Besteiro, visitou o Club Naval de Pontevedra para coñecer de primeira man o impacto da falta de dragaxe na Ría de Pontevedra e anunciar esta prioridade política do seu grupo parlamentario.
As súas accións estarán destinadas a garantir que a dragaxe do Lérez desde o seu treito máis urbano ata o inicio de Ría de Pontevedra propiamente dito figure neses orzamentos e, en caso de que non apareza, anuncian que presentarán emendas para garantilo.
Os orzamentos de 2025 "van retratar a todo o mundo", considera Besteiro, moi insistente na necesidade de "poñer fin a unha situación que é un verdadeiro aldraxe" para Pontevedra.
Fala Besteiro de "máis de dez anos de escapismo do Partido Popular" con este proxecto, que ten consecuencias ambientais e tamén prácticas nos pantaláns, pois unha grande parte están "inutilizados".
En xeral, para o líder dos socialistas galegos, hai "falta de investimento" do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e do seu goberno con Pontevedra, que ve "palmaria". Dentro desas "débedas" que ten coa cidade, a dragaxe é "histórica".
A Xunta de Galicia sostén que, de cara a garantir este proxecto, é preciso que o Goberno central, a través de Costas, determine cal será o punto do litoral galego no que se van depositar os lodos que se retiren do Lérez.
Gómez Besteiro discrepa e sinala que a responsabilidade de dicir onde se teñen que depositar é "única e exclusivamente" da Xunta de Galicia, aínda que logo o Estado estableza as condicións que ten que cumprir. Para o socialista, esta postura do Goberno galego é "a típica escusa do Partido Popular".
O líder do PSOE local, Iván Puentes, considera que este proxecto é "un dos incumprimentos fundamentais" de Alfonso Rueda e a Xunta de Galicia con Pontevedra. "Leva máis de dez anos de incumprimento, máis de dez anos mareando a perdiz e máis de dez anos de escusas", sinalou o socialista.
Para o líder local do PSOE, esta dragaxe é unha das "necesidades básicas" que ten a cidade desde o punto de vista ambiental e económico pensando na xeración de emprego e de riqueza, pois "Pontevedra ten que ter no sector marisqueiro e no Club Naval unha das actividades de desenvolvemento de futuro".
A vista de Besteiro a Pontevedra tamén inclúe a visita a dúas empresas para "coñecer o territorio" e as súas necesidades.
Relacionadas:
-
A Xunta asegura que a dragaxe do Lérez está á espera de que o Goberno central desbloquee o proxecto
Por Redacción |
-
Portos de Galicia descarta incluír a representantes do Concello e do sector marisqueiro na comisión que estuda a dragaxe do río Lérez
Por Oskar Viéitez |
-
Bará, centrado en exclusiva en Pontevedra e Caldas, priorizará o solo industrial, as rías e a sanidade
Por Natalia Puga |
-
Alfonso Rueda: "Non recoñezo a Galicia negra que pinta a oposición. Temos estabilidade e servizos públicos moi bos"
Por Alejandro Espiño |
-
O conselleiro do Mar pide ao Goberno central "que nos deixen traballar" para poder dragar a ría de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A dragaxe do Lérez volve ao Parlamento galego tras "doce anos dando tumbos nos despachos"
Por Redacción |