A Aula da Natureza de Cabo Udra organiza novas actividades medioambientais este outubro
Por Redacción
O Concello de Bueu continúa este mes de outubro con novas propostas de actividades medioambientais para todas as idades e que se organizarán na Aula da Natureza de Cabo Udra e na súa contorna.
O programa conta co financiamento do GALP Ría de Pontevedra e lévase a cabo, ao igual ca en todo o verán, pola Asociación Alados, especializada no coidado da natureza, con obradoiros, rutas, charlas e xornadas didácticas.
As actividades arrancarán este sábado, 5 de outubro, cando se celebrará o Día Mundial das Aves. O día comezará ás 10.30 horas cun taller de iniciación á pintura de natureza con José Arcas, biólogo e artista de natureza fundador de "El local: Arte y Naturaleza" de Vigo. As persoas que se animen a participar deberán ser maiores de 15 anos, e levar lapis duro 2H e goma de borrar, papel acuarela de 300 grs e algúns folios, dous pinceis número 4 e 10 e acuarelas non escolares.
Ás 11 horas arrancará o paseo familiar "As Aves" no que se ensinará o mundo das aves e das súas familias. E tamén ese día ás 17 horas desenvolverase o obradoiro infantil sobre comedeiros para aves, no que se elaborará un destes recipientes con material natural e se aprenderá a "cociñar" unha receita coa cal axudar a sobrevivir ás aves paseriformes no duro inverno.
Xa ao día seguinte, 6 de outubro, terá lugar ás 10.30 horas unha xornada didáctica teórica e práctica de iniciación ás aves para persoas de 15 anos en diante, na que se fará unha introdución á ornitoloxía e na que se darán a coñecer diferentes especies de Paseriformes e Costeiras máis habituais tanto en Cabo Udra como en zonas litorais próximas. E ás 12 horas, os máis pequenos e pequenas poderán gozar dun obradoiro de realización dun móbil colgante dun mascato.
As actividades continuarán o 20 de outubro co roteiro "Animais e rastros", que terá lugar ás 11.30 horas e no cal se fará unha exploración da contorna no que se realizará unha achega e introdución ás especies de fauna terrestre máis emblemáticas e características dos nosos montes, ademais de introducir á técnica de seguimento e sinais de animais.
O 26 de outubro, ás 11 horas, repetirase o roteiro ambiental sobre as aves, no que se observarán as aves típicas deste espazo natural costeiro protexido declarado como zona especial de conservación (ZEC)-Cabo Udra, Rede Natura 2000 e Lugar de Importancia Comunitaria (LIC). Ese mesmo día, ás 17 horas, desenvolverase o obradoiro infantil "Biodiversidade de Udra", que consiste nunha charla didáctica sobre os diferentes ecosistemas que conforman o ZEC- Cabo Udra e a importante fauna e flora neste. Ademais, tamén se elaborará un cadro colgable decorado con diferentes seres vivos que conforman a biodiversidade deste espazo.
O mes rematará o 27 co roteiro "Flora invasora" e a xornada de voluntariado para eliminación de invasoras. A actividade terá lugar a partir das 10.30 horas e nela realizarase un roteiro ambiental de aprendizaxe sobre a flora invasora presente en Cabo Udra e da súa problemática. Despois farase un voluntariado ambiental na contorna para eliminar as especies de flora invasora presentes.
Para todas as actividades requírese inscrición previa de balde na páxina web de Asociación Alados.