Ribadumia mellora a rede de alumeado público en diversas parroquias
Por Redacción
O Concello de Ribadumia ven de adxudicar un contrato para mellorar a rede municipal de alumeado público. As obras están cofinanciadas polo programa Plan Máis Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra.
O goberno local optou por unha política encamiñada a mellorar a eficiencia enerxética da iluminación pública coa finalidade de obter unha redución da cantidade de enerxía consumida para un mesmo nivel de actividade.
Na actualidade, o municipio conta xa con iluminación pública LED, ao desenrolarse varias actuacións durante os últimos anos que permitiron a substitución íntegra das luminarias existentes por outras coa citada tecnoloxía.
Neste proxecto a executar inclúense actuacións de substitución de luminarias existentes por outras LED que quedaron pendentes de modificación en actuacións pasadas; tamén de dotación de novas luminarias en diversos puntos do concello para reforzar a rede pública existente; a substitución puntual de tramos de rede aérea de alumeado por rede soterrada así como a substitución puntual de puntos de apoio da rede existente.
Todas estas actuacións previstas teñen como obxectivo a reducción do consumo enerxético e aforro enerxético, a diminución da emisión do dióxido de carbono e a redución da contaminación lumínica.
A actuación levarase a cabo por un importe total de 38.500 euros.
Dende o goberno local apoian todas as actuacións que sexan para reducir o impacto medioambiental, xa que con esta actuación redúcense as emisións de CO2 á atmósfera. Pretende tamén mellorar o servizo do alumeado público á veciñanza no só en términos de eficiencia, senon tamén en términos de calidade e seguridade.