Reabre a igrexa parroquial de San Martiño de Sobrán en Vilaxoán
Por Oskar Viéitez
A igrexa parroquial de San Martiño de Sobrán en Vilaxoán reabriu as súas portas este luns despois das obras acometidas pola Consellería de Cultura que investiu 160.000 euros en traballos de conservación.
Á reapertura deste templo románico asistiron este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro de Cultura, José López e o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, entre outras personalidades.
A restauración ocupouse, fundamentalmente, da capela lateral, cuxa construción é posterior ao templo, así como na sancristía. Tamén se actuou nas cubertas e a estrutura para eliminar as humidades e as filtracións na zona da ábsida e a nave. Cambiouse a madeira das vidreiras.
O templo de San Martiño de Sobrán data do século XII e a súa orixe apunta a un mosteiro antigo do cal hoxe non queda nada xa que o Pazo do Lagar ocuparía parte do terreo e crese que para a súa construción utilizouse pedra deste.
Dona Urraca e Raimundo de Borgoña doaron o mosteiro ao de San Paio de Antealtares, en Santiago.
Esta igrexa foi noticia este ano porque un grupo de expertos da Universidade de Granada, en colaboración coa Asociación Amigos de Cristóbal Colón, exhumaron o corpo de Xohán Mariño de Soutomaior que está nun sepulcro nun dos laterais da igrexa para buscar a pegada xenética do famoso navegante.