Seres indóMITOs: Teresa Pedrosa
Pasaban uns minutos da unha do mediodía cando subín a aquel Alvia do que non baixaría ata catro horas despois. Poden imaxinarse o que supón para unha persoa á que lle gusta pasear e falar, a partes iguais, estar metido nun vagón durante tal cantidade de tempo, máis aínda cando os numerosos túneles dificultan a posibilidade de ter unha conexión a internet estable coa que poder facer ese tempo minimamente produtivo, adxectivo sempre presente.
Cando apenas levabamos 20 minutos de traxecto, todos os pasaxeiros-as do vagón 9 xa tiñamos máis que claro que a vaca Lola, a vaca Lola, ten cabeza e ten cola, como así cantaba unha nena insistentemente a viva voz desde antes mesmo de comezar o traxecto, ante a atenta e desesperada mirada dos pais. Non obstante, como quen pasa de Guatemala a Guatepeor, o ruído converteuse no menor dos nosos problemas cando outra pasaxeira sacou do seu bolso, como quen saca un pano, unha caixa cunha pizza de pepperoni, que ela soa comeu, pero ata o maquinista cheirou.
Ante tal situación non me quedou máis remedio que cruzar os 9 vagóns que me separaban da cafetería, buscando á vez que os percorría, co mesmo empeño de quen procura a mellor ganga o primeiro día de rebaixas, unha cara que fose minimamente coñecida coa que manter unha desas conversas tan pouco profundas e á vez tan necesarias que se dan nos espazos públicos e que aliviase as catro horas de viaxe.
Tras ter percorrido moitos, xa só quedaba un vagón, o previo á cafetería, cando, a punto de tirar a toalla, vin ao lonxe un peiteado e un colar de perlas que me eran familiares. A miopía requiriu que me achegase máis para confirmar as miñas sospeitas, era Teresa. A boa conversa estaba asegurada, o que ligado á perfecta puntualidade coa que chegamos ao destino resultou nunha viaxe perfecta.
- Dime unha pregunta que non che guste que che fagan.
Non hai ningunha.
- Como te definirías?
Afable, conversadora...
- De Pontevedra de sempre?
Si.
- Como é a túa relación con Pontevedra?
De nacemento, acrecentada e mellorada cando me incorporei á vida política. Sen dúbida ese pontevedrismo tan arraigado en min, é froito do traballo que fixeron os meus pais con todos os seus fillos. A única espiña que teño é non ter logrado ser alcaldesa de Pontevedra.
- Que sería o primeiro que farías como alcaldesa?
Poñer flores, é dicir, limpar a cidade, embelecer, adecentar.
- Onde te ubicas: xeración baby-boom, xeración X ou xeración millennial?
Son do baby-boom pero considérome máis moderna.
- Cales dirías que son as características desta xeración?
Somos unha xeración que recentemente tivemos que transitar por unha transición dixital importante para non quedar atrás.
- A quen votaches nas túas primeiras eleccións?
Ao PP, aínda que cando me presentei a alcaldesa non era nin militante.
- Sobre o teu paso pola política, algunha anécdota digna de ser contada?
Pois cústame elixir despois de 20 anos en política, pero teño miles. Desde unha viaxe a China coa CIG para dar un curso de relacións laborais, ata conducir un tractor no campamento da Lanzada unha xornada de portas abertas na que se nos ocorreu levar a Panorama e en vez de 300 apareceron 5000 visitantes. En canto baixei do tractor púxenme a colocar mesas e ata cortei como 200 quilos de queixo para o cátering.
- Como foi o día seguinte a deixar a política?
Do último cargo cesamento un 7 de xullo, San Fermín. O 8 incorporeime ao meu traballo e o 9 empecei as vacacións. Menos mensaxes e moitos menos emails, o demais todo normal.
- Que reto pendente cres ti que ten Pontevedra?
Desgraciadamente os mesmos dos que se falaban hai máis de 20 anos cando me presentei a alcaldesa. Fáltalle dinamismo. Necesitamos algo máis que beirarrúas.
- A clase política está á altura da sociedade?
Por suposto, emana da sociedade, non veñen doutro lado. Unha sociedade corrupta na que hai unha falta clara de valores, terá unha clase política corrupta na que escasean os valores.
- Que consello lle darías ao teu eu dos 20 anos?
Que nunca se arrepinta de intentar algo. Mellor fracasar que non intentar.
- Un dilema, un ano sen ir a misa ou un ano sen ir de festa?
Case que sen ir a misa (risas).
- Que é a amizade?
O valor máis importante dunha persoa.
- Dime unha canción que te emocione.
Moitas me emocionan, especialmente as dos 80, Nacha Pop, Los Secretos... lémbrannme a miña época universitaria. Ademais chíflame o flamenco.
- Que hai despois da vida?
Espero que algo moi bo.
- O último capricho que te deses?
Materiais poucos... Darme un baño na praia a fin de semana pasada.
- Cando dixeches por última vez "quérote"?
A miúdo, moito aos meus fillos e menos do que debería ao meu home.
- E, por último, a quen che gustaría ver nesta sección?
A Mariano Rajoy ou a Corina Porro.
Para Teresa Pontevedra sabe a alegría, cheira a primavera, é de cor verde esperanza e soa a infancia. Definitivamente, Teresa Pedrosa sente Pontevedra.
O CUESTIONARIO
- Nunca saio da casa sen... bolso.
- Na miña neveira sempre hai... de todo.
- No meu armario destacan... os pantalóns.
- A idade é... experiencia.
- Sempre fun o ollo dereito de... meu pai.
- Pontevedra ten alma de... todo.
- Creo en... as persoas.
- O ano que marcou a miña vida foi... 1991, cando aprobei as oposicións.
- O mellor agasallo que me poden facer é... convidarme a cear a un sitio bonito.
- O meu lugar no mundo é... Pontevedra.
- Se non puidese vivir en Pontevedra viviría en... Cádiz.
- O meu momento favorito do día é... o café da mañá.
- Pontevedra... é todo para min.