Caldas de Reis aposta por San Xoán e o 14 de agosto como festivos locais
Por Redacción
O pleno municipal de Caldas de Reis aprobou a relación de días festivos locais para o próximo ano 2025.
En concreto estes días serán o 24 de xuño, coa celebración de San Xoán, e o xoves 14 de agosto dentro da semana grande festiva no municipio.
Segundo explicou o alcalde en funcións, Manuel Fariña, e responsable de Festas, esta decisión tomouse tras estudar diversas opcións ao coincidir un dos festivos tradicionais, o San Roque do 16 de agosto, en sábado.
Por ese motivo decidiuse cambiar o día e adiantar o festivo ao 14 de agosto co obxectivo de potenciar as festas de verán.
"Tivemos en conta que dende o tecido económico local sempre se rexeitaron os tres días festivos seguidos, porque na realidade o comercio non pode pechar as tres xornadas", afirmou Fariña.
Este cambio xa se produciu pola mesma circunstancia en 2003 e 2014, aínda que entón o festivo trasladouse ao Entroido.