Xuntanza para crear unha gran área comercial e empresarial na Montesiña
Por Redacción
O Concello de Soutomaior dará un paso importante no desenvolvemento do seu ambicioso ecoparque empresarial este xoves, 3 de outubro.
O goberno local, encabezado polo alcalde Manu Lourenzo, reunirase coas persoas propietarias das parcelas da zona da Montesiña, onde está prevista a construción deste proxecto.
A xuntanza, que terá lugar ás 19.00 horas na Casa do Concello, contará coa presenza do prestixioso arquitecto e urbanista Xabier Rivas Barreiro, responsable da redacción do proxecto.
Os propietarios das parcelas están sendo contactados telefonicamente para asegurar a súa asistencia.
O ecoparque empresarial está deseñado como un foco de atracción para PEMES do sector secundario e comercial, coa intención de impulsar o desenvolvemento económico da zona.
O proxecto inclúe unha ampla área verde e espazos de lecer, buscando integrar o parque na paisaxe e minimizar o impacto visual.
O alcalde Manu Lourenzo indica que "estamos a proxectar unha ampla área comercial e empresarial que suporá un antes e un despois para a vida en Soutomaior",
Destaca que o ecoparque estará rodeado de zonas verdes e instalacións deportivas, e que se deseñou para non distorsionar a liña do horizonte.
O goberno local subliña que o ecoparque non só atenderá a demanda de superficie para o crecemento empresarial local, senón que tamén contribuirá a vertebrar o concello cunha zona urbanizada, ben iluminada e cunha superficie comercial dinámica.
Este proxecto preséntase como un paso significativo na modernización e mellora do modelo económico de Soutomaior, segundo o goberno municipal.