Rueda asiste á botadura do novo buque conxelador 'Prion' no Porto de Marín
Por Redacción
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, participou este luns na botadura do novo buque conxelador 'Prion' no estaleiro Nodosa en Marín, un evento que pon de manifesto o liderado de Galicia nos sectores naval e pesqueiro, segundo indican desde o goberno galego.
O 'Prion', construído para a empresa Pescapuerta, representa un fito na innovación e sustentabilidade marítima.
Rueda destacou que este barco "é unha mostra perfecta da marca Galicia Calidade", recoñecida internacionalmente pola súa excelencia.
O buque incorpora tecnoloxía punteira para minimizar o impacto ambiental, incluíndo un deseño optimizado do casco e motores máis eficientes.
Ademais, conta con melloras significativas para o benestar da tripulación, reforzando a seguridade, comodidade e descanso, factores clave para asegurar o relevo xeracional no sector pesqueiro.
Durante o acto, o presidente galego reafirmou o compromiso da Xunta co sector naval, que contribúe co 5% ao PIB galego e xera máis de 26.000 empregos directos e indirectos.
Rueda anunciou que se está a traballar nun Plan Director específico para o sector, que se espera estea listo antes de finais de ano.
"O que facemos é escoitar con humildade aos que sabedes de todo isto, para que nos acheguedes todo o necesario", explicou Rueda, subliñando a importancia da colaboración entre a administración e o sector para desenvolver un instrumento que atenda as necesidades reais da industria naval galega.
Ao acto asistía tamén o conselleiro do Mar, Alfonso Villares.
Relacionadas:
-
Nodosa, entre as principais adxudicatarias do PERTE naval
Por Redacción |
-
Nodosa recibirá o Premio Honorífico da XXVI edición do Premio Xove Empresario
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O Porto de Marín acolle a botadura dunha nova draga construída por Nodosa para a empresa Canlemar
Por Oskar Viéitez |
-
Nodosa ten seis novas construcións navais en bancada
Por Redacción |