O sábado abrirá no Club Naval a Sala Zennet, un local pensado para "revivir o lecer nocturno" en Pontevedra
Por Natalia Puga
Sábado 5 de outubro. É a data na que finalmente volverá a actividade á planta superior do Club Naval de Pontevevedra. Será xa co local reconvertido en Sala Zennet, un negocio pensado desde o vermú ata as copas, pasando polo tardeo, entre as doce da mañá e as 6.30 da madrugada.
Detrás están dous empresarios con experiencia xa no lecer nocturno e a hostalería de Pontevedra. Son Carlos Fontán Ruiz, de Cervecería Bruc e A Pipa bar y tienda; e Javier Mori De Soignie, de Ítaca Copas e Artik Club.
Na conta atrás, Carlos e Javier recibiron á prensa no local e explicaron que todo está listo xa para o día anterior á apertura, o venres 5, cunha "proba piloto", unha inauguración só con invitación. O sábado xa abrirá ao público en xeral.
O local xurdiu, tal e como explica Javier, porque "cremos que en Pontevedra fai falta revivir o lecer nocturno" e tiñan ganas de "recuperar ese volver saír en Pontevedra, volver facer que os de Vigo cánsense de Vigo", pero tamén de mover o lecer cara a esta zona da cidade paralela ao río, escando do centro histórico polas limitacións que impón o Plan Especial de Protección e Reforma Interior e Conservación Artística (Peprica) á hora de abrir negocios.
"Sacar a festa da zona antiga e buscar novas alternativas onde poder facer as cousas ben feitas", resumen. Pero "facer as cousas ben custa traballo e diñeiro".
No seu caso, cinco meses e un investimento de ao redor de 700.000 euros. "Eu creo que desde Arvenop e desde a reforma de Carabás non se fixo un investimento tan grande en lecer nocturno na cidade", valora Carlos Fontán, de modo que fai falta remontarse a 25 anos atrás.
O resultado é un local de case 500 metros cadrados adaptado para cumprir as normativas acústica, de evacuacións de incendios ou de accesibilidade.
Querían manter a esencia do Club Naval con todo mirando á Ría de Pontevedra e, para logralo, foron necesarias accións como a contratación dun cristal específico e innovador que Cristalería Pontevedresa ha testado en Alemaña.
O público en xeral poderá velo en persoa o vindeiro sábado. Para a inauguración, hai pensadas tres festas diferentes, unha en cada un dos tres ambientes que terá este local, tardeo, copas e vermú.
A primeira será na sesión de tarde, a partir das 17.00 horas. A partir das 18.30 actuarán 2 Tipos, un grupo de música en directo; e La Duendeneta.
A segunda inaguración será o sábado xa ben entrada a noite, ás 00.00 horas, cunha Opening Party con Sergei Rez, César Ríos e Ganza.
Xa o colofón chegará o domingo 6 ás 12.00 horas cunha sesión vermú na que non faltarán un cortador de xamón en vivo e unha acción de Petroni.
A partir de aí, o local abrirá de luns a domingo ás 12.00 horas da mañá. De domingo a xoves pechará ás 2.00 horas e venres e sábado ás 6.30 horas.
Esas sesións nocturnas están orientadas a un público maior de 23 anos e terán un prezo de 15 euros, 10 euros se se compran de forma anticipada, con consumición incluída. Ademais, poderanse organizar eventos privados e haberá opción de reservados entre 80 euros e 180 euros.