As Xornadas Gastronómicas da Ameixa tiveron cun impacto económico de máis de 30.000 euros
Por Oskar Viéitez
A Concellería de Turismo de Poio fixo este luns un balance moi positivo das Xornadas Gastronómicas da Ameixa que se desenvolveron durante as fins de semana de setembro en 15 establecementos de todo o municipio.
A responsable da área, Rocío Cochón, destacou que ao longo das xornadas os establecementos adscritos serviron máis de 1.500 racións deste bivalvo nas súas distintas preparacións, cun impacto económico superior aos 30.000 euros só en vendas de ameixa.
Ademais, as xornadas tamén serviron como prólogo e complemento á XXXVI edición da Festa da Ameixa de Campelo, que se celebrará do 18 ao 20 de outubro.
"Estamos moi satisfeitos, pero o que é máis importante, o sector está satisfeito e non teño dúbida que os veciños e visitantes, que degustaron uns pratos cociñados con tanto mimo polos nosos hostaleiros, tamén quedaron moi satisfeitos!", explicou.
Ademais, subliñou que a gran maioría de clientes foi en parella, en familia... e non se limitou a degustar as ameixas senón que tamén consumiu bebidas e outros pratos, e dinamizou a actividade económica noutros establecementos e negocios, polo que sabemos que "a repercusión económica foi moi superior".
Cochón agradeceu a colaboración de todos os locais participantes e convidou a veciños e visitantes a desfrutar do I Certame de Tapas do municipio, TapeaPoio, que se celebra do 3 ao 13 de outubro en 11 establecementos, con 6.000 euros en premios, e da XXXVI Festa da Ameixa de Campelo, a fin de semana do 18 ao 20.