Críticas do Bloque por convertir a Vilagarcía nun "parque temático adicado ao belicismo"
Por Oskar Viéitez
O Bloque Nacionalista Galego cualifica de "despropósito" a conversión dos actos de xura de bandeira celebrados en Vilagarcía o pasado sábado, nun "parque temático adicado ao belicismo".
Ao redor dun cento de civís xuraron ou renovaron xuramento coa bandeira de España nese acto da Brilat na zona TIR de Vilagarcía, mentras fronte ao Auditorio puideron verse carros de guerra e armamento con explicacións por parte dos militares.
O BNG de Vilagarcía lamententou que este acto "derivase na constitución dun verdadeiro parque temático que, alén de ocasionar un caos circulatorio na cidade, servise de escusa para realizar labores de adoutrinamento entre menores de idade, amosándolles o manexo das armas e aleccionándoos nas bondades de entrar no Exército".
Os nacionalistas rexeitan que o Ministerio de Defensa "invite a nenos e nenas a comprobar que se sinte ao sentarse aos mandos dun canón ou apuntando cun fusil de asalto a un obxectivo".
Entenden que este tipo de actos "en nada contribúen, nun escenario bélico internacional, á distensión e a resolución pacífica e dialogada dos conflitos" senón que, "normalizan" que "a guerra é algo inevitable", dín dende o BNG.
O BNG percibe que, con actos como este da BRILAT, "o Goberno de España, dentro das estratexias de rearme da Unión Europea, está a dar un salto cualitativo canto á imaxe das Forzas Armadas do Estado español, pasando de resaltar o seu papel en emerxencias e misións humanitarias, a potenciar eventos nos que mostrar músculo fronte a inimigos reais ou imaxinados".