O Ministerio de Cultura adxudica a Oreco a restauración da cuberta da antiga sede de Facenda
Por Oskar Viéitez
O Ministerio de Cultura acaba de adxudicar á empresa viguesa Oreco Balgón as obras de restauración da cuberta do antigo convento de San Francisco, que será a nova sede do Arquivo Provincial de Pontevedra.
A actuación, que ten un custo de 582.627 euros e un prazo de execución de seis meses, vén forzada polo desprendemento de tellas que se produciu na cuberta no ano 2021 e busca levar a cabo unha serie de intervencións de urxencia que impidan a caída de novas tellas así como filtracións de auga que poidan provocar o deterioro do inmoble.
A obra forma parte do conxunto de licitacións que o Goberno ten en marcha e que supera o millón e medio de euros para poder rehabilitar a antiga sede de Facenda e convertela na nova sede do Arquivo Histórico Provincial.
Así, a dirección destas obras de reparación da cuberta xa fora asignada ao estudo do arquitecto César Portela o pasado mes de xullo e estase a ultimar a adxudicación da redacción e dirección do proxecto de rehabilitación do edificio para a súa conversión na nova sede do Arquivo Histórico Provincial ao estudo de arquitectura madrileño Aybar Mateos.
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, salientou que "este tramite permite avanzar nun proxecto fundamental para o Arquivo Histórico Provincial, que na actualidade non conta con espazo suficiente para albergar os seus fondos, así como recuperar un elemento patrimonial chave desta cidade para todos os pontevedreses e pontevedresas" e engadiu que "corrobora a aposta valente e decidida deste Executivo polo municipio de Pontevedra e a súa provincia".