Marga Caldas demanda ao goberno local obras de rehabilitación no centro histórico de Combarro
Por Redacción
A portavoz do BNG no Concello de Poio, Marga Caldas, reclama ao goberno municipal que continúe coas tarefas destinadas a embelecer e mellorar a estética da "emblemática contorna de Combarro".
Pide ao goberno local que potencie o respecto polos inmobles, edificacións e elementos arquitectónicos existentes na zona.
A portavoz nacionalista lembra que estas tarefas comezaron no anterior goberno municipal, baixo a súa propia responsabilidade, e que, durante o anterior mandato, a través do Programa de Rehabilitación Integral (ARI) se realizou a retirada do plástico das baixantes, do cableado e cambiáronse diversas luminarias coa instalación de puntos LED.
Segundo indica Marga Caldas, estas melloras permitiron que este destino turístico conte coa Declaración de Contorno Residencial de Rehabilitación Programa de Combarro, que permitirá ao goberno local acceder a axudas de máis de 300.000 euros que deben investirse neses traballos.
Desde o BNG fan un chamamento a Ángel Moldes, alcalde do PP en Poio, para que "abandone a súa deixadez con Combarro e continúe cos traballos de rehabilitación e mellora dun espazo tan importante para a veciñanza de Combarro e do conxunto de Poio".
Combarro está declarado ben de interese cultural e, desde 1972, Conxunto Histórico Artístico.