Máis de 2.000 persoas participan na Carreira de Leo, para loitar contra as enfermidades raras
Por Oskar Viéitez
Máis de 2.000 persoas participaron na II Andaina e Carreira de Leo, celebrada este domingo en Meis, recudando máis de 12.000 euros que se repartirán entre Art for Dent, a asociación galega de pacientes desta enfermidade rara que afecta o ril, e Bicos de Papel de pacientes pediátricos oncolóxicos.
Esta iniciativa estivo apadriñada pola piragüista olímpica Teresa Portela e o actor Carlos Blanco. Ademais contou coa presenza de autoridades como a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez; o presidente da Deputación, Luis López, ou o delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades.
Preto dun centenar de persoas voluntarias organizaron este evento solidario que, ademais da carreira e a camiñada, tamén contou con inchables, zancudos, concerto de Lontreira e máis música do grupo folk Vos Druídas, a charanga Alambique e DJ Koko.
Desde a organización lembraron que o obxectivo desta cita é manter vivo o legado de Leo, que sirva para axudar na investigación e as condicións de vida de nenos afectados principalmente por enfermidades raras, como foi o caso deste bebé de Meis, falecido en 2022 por un déficit de proteína B de surfactante e cuxos pais seguen capitaneando a iniciativa.