Cancelada a concentración na que ía participar o Mustang implicado no accidente mortal de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
A primeira Concentración de Clubs Mustang de Meis, prevista para este domingo, foi cancelada despois de que un dos vehículos que ían participar neste encontro vísese implicado no accidente ocorrido na tarde do sábado en Sanxenxo no que faleceron dúas persoas.
Nunha mensaxe publicada na rede social Instagram o club Mustang Galicia informaba da cancelación do evento e engadía: "queremos trasladar nuestro más sincero y doloroso pésame a la familia".
Esta quedada automobilística estaba organizada por este club vigués xunto co Mustang Clube do Norte de Portugal, país de onde procedían os ocupantes do vehículo implicado no accidente.
Ao redor de 50 deportivos deste modelo da marca Ford tiñan planeado participar este domingo na cita que incluía un roteiro pola zona do Salnés e unha comida de confraternidade.
Está previsto que se garde un minuto de silencio no pleno do Concello de Sanxenxo que se celebrará este luns polo matrimonio falecido neste accidente no lugar de Forxán, á altura do coñecido Hotel Sun. El fora condutor de camión do Concello.
Por outra banda, o Concello de Sanxenxo tamén fixo público un comunicado polo falecemento de Manuel Bea, expresidente do Clube de Xubilados de Portonovo e Raia de Ouro en 2002, "lamentamos profundamente o seu pasamento. Estendemos as nosas condolencias á súa familia, amizades e achegados". O Concello destacou que "Manuel Bea (1934) foi un adiantado ao seu tempo e un impulsor da vida social, cultural e deportiva na vila mariñeira".