Os socialistas de Poio denuncian ante a Valedora do Pobo a "falta de transparencia e rigor" do goberno local
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O grupo municipal socialista de Poio expresou a súa preocupación pola "reiterada falta de transparencia e rigor" do goberno local.
Segundo explican, durante as últimas comisións municipais constataron a presentación de "expedientes incompletos e información insuficiente", o que, ao seu xuízo, "reflicte un alarmante descoñecemento dos procedementos administrativos e unha total falta de rigor na xestión pública".
O PSOE protesta porque as preguntas formuladas pola oposición non reciben resposta por parte do grupo de goberno "ou, no mellor dos casos, son respondidas fóra de prazo, o que parece un intento deliberado de dificultar o necesario labor de control e fiscalización do goberno municipal".
"Esta situación vulnera o dereito dos veciños a unha administración transparente e accesible, polo que o grupo socialista trasladará estes feitos á Valedora do Pobo, para que adopte as medidas pertinentes fronte ao oscurantismo deste goberno", anuncian.
Os socialistas mesmo chegan a falar de "actitude obstrucionista do goberno local" ao non proporcionar a información solicitada sobre o número de proxectos tramitados con cargo aos fondos europeos dende a chegada de Ángel Moldes á Alcaldía.
Sinalan que esta forma de actuar "responde a un patrón habitual de incumprimento das normas que regulan o acceso á información" e censuran a "actitude de desleixo absoluto nas sesións das comisións informativas, onde se presentan expedientes incompletos, sen a documentación necesaria, ou mesmo baleiros".
Para o PSOE esta é "unha mostra da incapacidade e incompetencia dos concelleiros delegados".
RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL
A concelleira Rocío Cochón di que "resulta irónico" que os socialistas critiquen ao goberno local de falta de transparencia e rigor "cando os únicos que asinaron ata tres decretos diferentes para bloquear o acceso á información foron o tripartito: en dúas ocasións á oposición e outra aos veciños".
"Entendemos que seguen frustrados tras perder as eleccións, pero hai que ser moi sinvergonzas e irresponsables para facer estas críticas tendo en conta o seu historial de oscurantismo na xestión e información. Afortunadamente, hoxe temos un Concello aberto e transparente, por moito que lles pese", engadiu a concelleira do PP.
Cochón asegura que nos plenos os concelleiros de goberno "responden directamente ao 99% das preguntas e rogos que realizan, unha práctica totalmente diferente ao que pasaba anteriormente".
"E o mesmo acontecía nas comisións informativas. Agora dáse conta dos temas, dos orzamentos e respóndense as preguntas. Antes eses expedientes estaban baleiros na maior parte das ocasións", afirma. E pon como exemplo o último Nadal organizado polo anterior goberno do BNG-PSOE-Avante Poio: "o expediente das comisións estaba baleiro e cando preguntamos si non había ningunha previsión, a resposta foi que xa se daría despois do Nadal cos gastos ocasionados. Este era o procedemento habitual do tripartito".