Folga estudantil en Pontevedra por "unha vivenda digna, accesible e segura para todas"
Por Redacción
A organización 'Erguer. Estudantes da Galiza' convocou unha folga estudantil para o mércores 2 de outubro, no marco da súa campaña 'O estudantado polo dereito á vivenda'. En Pontevedra celebrarase unha concentración na Praza da Peregrina ás 12:00 horas.
Segundo explican as estudantes, esta acción xorde como resposta á "crecente precariedade que sofre o estudantado, causada polo desmesurado aumento dos prezos dos alugueiros e a falta de vivendas alcanzables nas principais cidades". Alba Quiroga, responsable de Erguer na comarca de Pontevedra, declarou que "a especulación coa vivenda está a deixar fóra das cidades ás estudantes, convertendo un dereito fundamental nun privilexio para unhas poucas. Non estamos dispostas a aceptalo. Reclamamos unha vivenda digna, accesible e segura para todas".
Entre as propostas da organización atópanse a creación de vivenda pública con alugueiros alcanzables para o estudantado, a regulación dos prezos de alugueiro para frear a especulación, e o aumento de prazas en residencias públicas estudantís, así como a mellora das infraestruturas existentes para garantir condicións dignas de vida.
O BNG expresou o seu apoio á organización, sinalando que "o da vivenda é un problema gravísimo", mentres que Marta Gómez, secretaria xeral de Galiza Nova, engadiu que están a analizar a problemática da vivenda e apoiarán ás estudantes que se manifesten.
Desta forma, Erguer fai un chamamento a todos os estudantes e a quen defende o dereito á vivenda para unirse a esta xornada de loita, buscando visibilizar unha problemática que afecta a miles de estudantes en toda Galicia.
Relacionadas:
-
Erguer sitúa no 80% o seguimento da folga estudiantil en Pontevedra
Por Redacción |
-
Un de cada cinco pisos en aluguer en Pontevedra non dura nin 24 horas no mercado
Por Redacción |
-
Os menores de 36 anos terán prioridade para lograr a metade das 74 novas vivendas de promoción pública de Valdecorvos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O alugueiro, a compravenda ou as vivendas turísticas na zona urbana de Pontevedra, a estudo
Por Diego Espiño |