As Rías Baixas, capital internacional da camelia ante 16 países
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
Pontevedra converteuse en "verdadeiro berce da camelia en occidente" e como tal se reivindica dende este martes no Congreso Internacional da Camelia, un evento que se celebra por primeira vez en España e que reúne na provincia a 250 congresistas procedentes de 16 países diferentes. Durante cinco días analizarán a historia da camelia e as súas variedades antigas; técnicas de identificación e caracterización das diferentes especies e os usos e produtos derivados desta planta.
Durante os días que dura o congreso, e ata o 19 de marzo, persoas procedentes de Estados Unidos, Australia, China, Xapón, Nova Zelanda, Gran Bretaña, Francia, Italia, Portugal, Panamá, Países Baixos, Suiza, Bélxica e Portugal, así como de diferentes partes de España, percorrerán xardíns, viveiros e outros centros relacionados coa camelia, pero tamén lugares de interese turístico da provincia. Ademais, terán ocasión de coñecer os sectores produtivos de Pontevedra por medio de diferentes actividades.
O congreso achegará aos 250 congresistas algúns dos principais xardíns de camelia da provincia (coñecerán 12 xardíns en toda Galicia, 8 en Pontevedra) e o centro de investigación da Estación Fitopatolóxica O Areeiro, pero antes xa tiveron un primeiro contacto coa presenza desta flor na provincia e, en particular, nas Rías Baixas.
Aconteceu durante o acto inaugural do Congreso no Pazo Provincial, celebrado coa presenza do presidente de Deputación, Rafael Louzán; a directora xeral de Turismo da Xunta, Lameira Castro; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o ministro de Cultura da embaixada de Xapón, Keiichiro Morishita; e a presidenta da Sociedade Internacional da Camelia, a australiana Patricia Short.
Louzán destacou o potencial turístico e económico da camelia na provincia e destacou a forte vinculación de Pontevedra e a camelia, asegurando que "nesta terra quixemos que a camelia sexa moito máis que un adorno nos nosos xardíns, para convertela nun elemento máis do noso desenvolvemento cultural, turístico, económico e científico".
Ademais de subliñar o papel de "centro de referencia na investigación desta planta" que exerce O Areeiro, insistiu na capacidade produtora da provincia, con viveiristas que abastecen deste produto a numerosos países de Europa; e a potenciación de novos usos, como a fabricación e comercialización de té e aceite.
O presidente provincial insistiu en que este Congreso Internacional da Camelia converte a Pontevedra non só no centro de referencia mundial para os amantes desta planta, senón que se presenta como unha porta aberta para a súa proxección turística internacional.
Sinala que dá a oportunidade aos participantes de coñecer "a magnífica ruta turística" da camelia, que, "espero que esperten en cada un dos que aquí estades o desexo de repetir esta viaxe e de exercer de embaixadores das Rías Baixas nos vosos respectivos países".
Relacionadas:
-
Quince empresarios chineses visitarán as Rías Baixas, interesados no albariño e o aceite de camelia
Por Redacción |
-
Pontevedra quere acreditarse coma cidade 'amiga dos chineses'
Por Redacción |
-
A revolución da Camelia
Por Oskar Viéitez |
-
Juan Mejuto presenta unha exposición de fotos sobre 'Camelia, la flor'
Por Redacción |
-
A pianista xaponesa Mine Kawakami ofrecerá concertos gratuítos en Pontevedra, Vilagarcía, e Vigo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Álex Vázquez invita a unha viaxe "de camelias" dende Oriente ás Rías Baixas
Por Redacción |
-
Todo preparado para o Congreso Internacional Camellia 2014
Por Redacción |